Friday 19 de April de 2024

Máis dun cento de persoas desafían á choiva e participan na Andaina Solidaria a favor de Turquía e Siria do Concello de Lousame


Un total de 255 persoas responderon ao chamamento das voluntarias lousamiás, Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas, no que foi a segunda andaina solidaria con maior número de inscricións dos últimos anos

Un total de 255 persoas responderon solidariamente ao chamamento realizado por Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas, voluntarias europeas que estiveron os últimos dez meses traballando en Lousame, e formalizaron a súa inscrición na Andaina Solidaria “Lousame camiña en igualdade por Turquía e Siria”, que tivo lugar esta mañá. A falta de contabilizar as achegas realizadas a través do Dorsal 0, que aínda estaba aberto na xornada de hoxe, unicamente as inscricións permitiu recadar 1.275 euros, que serán entregados á Cruz Vermella para axudar ás persoas afectadas polos terremotos de Turquía e Siria.

Estas 255 persoas supoñen a segunda maior participación nunha andaina solidaria en Lousame, só por detrás das 382 persoas que tomaron parte na Andaina Solidaria a prol da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (Asgpoh) de decembro de 2018. Así mesmo, unhas 120 persoas tomaron a saída esta mañá dende a praza Teodomiro Hidalgo para afrontaren os 12 quilómetros da andaina, o que supón tamén un récord tanto para as andainas do 8 de marzo en Lousame (34 e 50 participantes nas dúas últimas edicións) como para as relacionadas co 25 de novembro, que non superaron nunca as 100 persoas participantes.

Un éxito de participación a pesar das malas condicións meteorolóxicas, con choiva durante os días previos á andaina e con algún que outro orballo durante o traxecto, nunha mañá bastante fría. Por iso, a camiseta solidaria preparada para conmemorar o 8 de marzo estivo sempre por riba ou por debaixo do abrigo, nunca “en lugar de”. Gran parte de responsabilidade na gran participación rexistrada hoxe téñena Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas, pois hoxe era o seu derradeiro día en Galicia, xa que mañá collerán un avión de volta á súa Turquía natal, polo que foron moitas as persoas que aproveitaron tamén para despedírense.

Agradecementos

A concelleira de Muller e Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, volveu agradecer a Ezgi e Ülkü “a súa colaboración en todas as actividades que se lles propuxeron con nenos, maiores, culturais, deportivas… A gran participación que hai hoxe neste andaina é debido en gran maneira a que se fixeron querer aló por onde estiveron e que hoxe os veciños e veciñas de Lousame están a amosar o seu agradecemento con elas e o seu labor”. Canda Silvia Agrafojo tamén participaron na andaina desta mañá os concelleiros de Relacións Veciñais, José Antonio Ces Barreiro, e a concelleira de Sanidade, Yésica Fernández Míguez.

A andaina estivo encabezada, como xa é habitual, polo técnico de Deportes, Germán Romero, e a técnica municipal Mayte Sobradelo, que guiaron ás persoas participantes por un percorrido circula de 12 quilómetros por unhas fermosas paisaxes fluviais. Un roteiro que partía dos muíños de Brandia e que tiña a peculiaridade de que, ademais de ser accesible a toda condición física e de idade, cada dous quilómetros daba a posibilidade de volver ao punto de partida con moita facilidade. Para iso contouse coa colaboración do voluntariado local, liderado polo técnico de Voluntariado de Lousame, José Manuel Outeiral; e os técnicos de Cultura, Eduardo Agraso e Teté Baluja. Ademais, contouse coa colaboración dun equipo da Cruz Vermella de Noia.